segunda-feira, 16 de junho de 2014

IMAXES da presentación do libro ROBERTO VIDAL BOLAÑO E O XOGO DO TEATRO (Editorial Laiovento, 2012. ISBN 978-84-8487-229-0) de Afonso Becerra de Becerreá. Por Rafa Ramos. ACTOS DO 25 ANIVERSARIO d'A PIPA 2013.



























XOGOS DE LECTURAS DRAMATIZADAS A PARTIR DUNHA ESCENA DA OBRA DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO (Escritor homenaxeado polo Día das Letras Galegas 2013)

















Rubén Pérez Pombo recolle o I PREMIO DE DRAMATURXIA BREVE do XXII CERTAME LITERARIO A PIPA 2013 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA.


_________________________________________________________________________________

PRESENTACION DO LIBRO de AFONSO BECERRA DE BECERREÁ
ROBERTO VIDAL BOLAÑO E O XOGO DO TEATRO (Editorial Laiovento)
Por Rafa Ramos.


Cando Afonso me convida a presentar o seu último libro - que non o derradeiro, pois pódovos dicir que goza de boa saúde, e que sei de boa fé que xa hai outro no prelo, na editora, a piques de saír- sei que o fixo en primeiro lugar pola amizade que nos une e pola veciñanza compartida de tantos anos (eu vino coma moitos de vós, emerxer a traveso de moito esforzo, adicación, e unhas potencialidades que sei deron os seus froitos. Afonso sempre tivo claro onde quería chegar: a vivir da súa paixón polo teatro. Acadouno e atópase dende hai anos enriba do escenario, non tanto como actor senón como dramaturgo e director de escena, e dando aulas como profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Este libro que hoxe presentamos veu precedido por outros textos dos que saliento:  DRAMATÍCULAS (2010), CRÍO-XÉNESE (2007), DRAMATURXIA: TEORÍA E PRÁCTICA (2007), AGNUS PATRIS (2002) (amáis de múltiples colaboracións e publicacións en revistas e na web)
Sei que tamén estou hoxe aquí a carón del, porque son mestre, pola visión que como docente poida explicitar sobre  este libro.
O título do libro agocha, ao meu parecer, outro, xa que ben puidera terse considerado como unha verdadeira “guía didáctica sobre o xogo teatral”. Trátase de propostas textuais, fragmentos da obra teatral de RVB, que fan de eixo vertebrador, de “leit motiv” onde abanean unha morea de propostas de actividades co obxectivo último da posta en escena teatral.
Dígoche, Afonso, que para calquera profesional do ensino é imprescindible contar con recursos de calidade que nos faciliten, que nos formen, que nos orienten e que sirvan para mellorar a nosa acción docente, é dicir o traballo co noso alumnado. Por iso os mestres e mestras precisamos de textos que nos sirvan de referencia no intre de achegarnos a este atraínte eido da nosa cultura, que é o teatro. Unha arte, o teatro, que de sempre estivo nas aulas dos colexios e institutos, pero máis por iniciativas illadas de profesorado con inquedanzas teatrais, ca por formación dos mestres neste eido. Eramos e somos “afeccionados con inquedanzas teatrais”…
Que implica isto? Pois que a posta en escena dunha obra teatral na escola ten moito de improvisación (eu falo por min!), pois de sempre atopei obras de teatro para realizar co alumnado, pero nunca tiven a referencia dun libro como o que Afonso nos fai chegar: é dicir, unha proposta lúdica…un libro formativo en dramaturxia ….
Sinceiramente, a súa lectura “sábeme a pouco”. Botei en falla un meirande nivel de concreción a traveso de máis exemplificacións didácticas, en cada un dos apartados. Por iso che pediría que desenvolveses para educadores e público en xeral, algúns obradoiros formativos….Queda aí a proposta!
Deixando a un lado connotación educativas. Pódovos dicir que se trata dun libro divulgativo do teatro, que vai máis alá do ensino, resultando de amena e áxil lectura, mantendo de comezo a fin a viveza que motiva ao lector/lectora. O feito de telo artellado a partir dunha estrutura de pescuda nos textos de RVB, obriganos a tentar atopar, recrear situacións, propoñer en equipo, deseñar a nosa particular posta en escena.
É un libro para “aprender a aprender… aprender a aprender teatro….aprender a aprender teatro, xogando”.
Polo feito de que o teatro produce diversión, de que nos gusta, de que nos entretén, de que nos emociona. O teatro, di Afonso,  considérase un xogo.
Nas primeiras páxinas do libro xa deixa claro Afonso que o teatro axuda a descubrirnos a nós mesmos, a coñecer como funcionamos nas nosas relacións entre persoas.
Imaxinade unha relacion interpersoal que xera un conflicto, que para resolvelo precisa de que actuemo, de que nos poñamos en acción. Pois esas accións son as que nos fan a nós, ao público de teatro, imaxinar, pensar, prever, emocionar, tentar ser quen de atopar como espectadores a razón ou solución dun conflicto.
Vedes pois que o teatro, no fondo, trátase dun xogo.  De feito chegamos a identificarnos con tal ou cal personaxe. Os xogos entretéñennos…como o teatro.
E preguntarédesvos: como é que Afonso escolle os textos de ROBERTO VIDAL BOLAÑO para amosarnos o senso máis lúdico do teatro?
Poderíamos pensar que só se debe a que neste ano 2013 foi o autor ao que se lle adicaron o día das LETRAS GALEGAS. Eu coido que a escolla de RVB por Afonso debeuse a:
-       Tratarse dun dos primeiros dramaturgos do teatro profesional galego.
-       Por tratarse dun autor sen “pelos na lingua” no intre de facer defensa e loubanza da liberdade, dos dereitos e da vida.
-       Por ser autor creador dunha obra de fonda pegada ideolóxica e humana (anticlasista, anticlerical, anticaciquil, feminista, galeguista, solidaria diante dos oprimidos e os esquecidos,….)
RVB é un dramaturgo social, cívico, implicado….
Xa que logo coido que deu  moito xogo a Afonso para realizar este libro!
Os textos de RVB que serven de propostas a estes XOGOS TEATRAIS corresponden a obras como SAXO TENOR, DÍAS SEN GLORIA, RASTROS, DOENTES, BAILADELA DE MORTE DITOSA,…
E partindo destes fragmentos,  Afonso propón 5 apartados de xogos:
Ø  O 1º._ Realización de Xogos de INTRIGA/SUPENSE. Como poden ser: exercicios de especulacións, de expectativas frustradas cos personaxes, xogos de falsas aparencias, xogos de monólogos, xogos de contos dentro de escenas teatrais, xogos con golpes de efecto que abraian ao espectador.
Ø  O 2º._Realización de XOGOS CO TEMPO. Diferenciando tempo escenico e tempo dramático. Con flashback, retrocedendo no tempo. Xogando con saltos temporais nunha escena e as estratexias para darllelas a entender ao publico. Xogos que usen metáforas que eviten non facer explicito en escena torturas, violencias ou sexo (como facer para dalas a entender).
Ø  O 3º._Realización de XOGOS IDEOLOXICOS. Aquí aparece un dos xogos máis aplicables a estudantes de secundaria e 2º-3º ciclo de primaria: proposta de facer unha pescuda e escolma de novas sobre abusos e creba de liberdades; para logo levalos a escena e artellar finais distintos que permitan aos rapaces e rapazas ser os protagonistas de cambios en positivo. De “educalos no pensamento crítico”.
Ø  O 4º.- Realización de XOGOS DE CINE E TEATRO. O teatro de RVB estaba tinguido de estruturas cinematrográficas, de cine. Afonso fainos xogar amosándonos diferenzas entre cine e teatro (entre o fillo e o pai, pois o cine vén do teatro). Proposta de actividades de tema onírico, cos soños e os pesadelos.
Ø  O 5º.- Realización de XOGOS DE AMOR E MORTE. Neste apartado explicase con claridade a diferenza entre comedias, traxedias e dramas, a traveso dunha proposta breve e clarificadora sobre como deseñar unha situación dramática e establecer nela o intre de máxima tensión dramáticas (o clímax)

E xa para rematar esta presentación quixera facelo lendo o parágrafo de final do libro, non sen antes darlle as grazas a Afonso por agasallarnos con este “RVB e o xogo do teatro” e animalo a que tras del veñan outros igual de “didácticos” coma este.
Leo:
Páxina 187: “Para rematar propóñovos que vos poñades un nariz vermello de pallaso e que escribades o voso propio monólogo. Sen crear ningún personaxe externo invítovos a que ese nariz de pallaso vos sirva para sacar todo aquilo que vos desacouga, para que vos liberedes e, desde esa actitude sincera pero teatral, axudedes a que se libere tamén quen vos rodea”.


En Becerreá
Sábado 28 de Decembro de 2014.

Rafa Ramos Fdez

Nenhum comentário:

Postar um comentário