sábado, 30 de maio de 2009

HOMENAXE A BALBINO, O NENO LABREGO


HOMENAXE A BALBINO, O NENO LABREGO DE NEIRA VILAS
No Verbum (Casa das Palabras) de Vigo
Hoxe, 30 de maio celebrouse unha homenaxe a Balbino, o xa mítico protagonista da novela MEMORIAS DUN NENO LABREGO, de Xosé Neira Vilas. O acto foi organizado polo produtor cinematográfico e filántropo galego ISMAEL GONZÁLEZ, coa complicidade e colaboración do filósofo AVELINO MULEIRO.

Ao VERBUM (Museo das Palabras de Vigo) acudiron XOSÉ NEIRA VILAS e ANISIA MIRANDA. Alí puidemos escoitar os relatorios de Avelino Muleiro, do catedrádito de Filosfía Ramón Regueira, do escritor e membro da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero e, finalmente, as palabras de agradecemento de Neira Vilas. Entre tanto escoitamos ao grupo A QUENLLA, e vimos un documental sobre MEMORIAS DUN NENO LABREGO dirixido por Xan Leira e Ismael González.

Entre as/os asistentes atopábanse, a nosa amiga, a poeta, María do Carme Krukenberg, o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, a escritora e directora de cine Margarida Ledo Andión...

Con motivo desta festa, Ismael González editou un libro titulado HOMENAXE A NEIRA VILAS E A BALBINO O NENO LABREGO, no que colaboraron 53 escritoras/es. No índice do mesmo figuran dous becerrenses: HELENA VILLAR JANEIRO e AFONSO BECERRA DE BECERREÁ.
A PIPA súmase á homenaxe a BALBINO e ao seu autor Xosé Neira Vilas, quen protagonizara, xunto á súa muller Anisia, a XIV NOITE POÉTICA A PIPA 2006, e da que gardamos un ledo recordo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário