terça-feira, 29 de dezembro de 2015

ACTA DO XURADO XXIV CERTAME LITERARIO A PIPA 2015 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA

XXIV CERTAME LITERARIO A PIPA 2015 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA.
ACTA DO XURADO.
            En Becerreá, a mércores 23 de decembro de 2015, a Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá (CIF. G-27441708) e o seu Presidente, Afonso Becerra Arrojo, toman o acordo de nomear a Rafael Ramos Fernández Presidente do Xurado do XXIV Certame Literario A Pipa 2015 da Alta Montaña Luguesa e, así mesmo, aos dous tribunais avaliadores:

O Xurado para a modalidade de DRAMATURXIA BREVE está formado por:
JOAN CHIRALT BAILACH. Dramaturgo. Máster en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Arte Dramática polo Institut del Teatre de Barcelona. Profesor de Dramaturxia e Escrita Dramática na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
PEDRO PABLO RIOBÓ SANLUIS. Dramaturgo e ensaísta. Membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro. Licenciado en Filoloxía Galega. Profesor de Educación Secundaria.
GONZALO RODRÍGUEZ CALVO. Membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro e da Asociación de Amigos do Teatro Jofre de Ferrol.

O Xurado para as modalidades de POESÍA e RELATO está formado por:
XESÚS BERMÚDEZ TELLADO. Poeta. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa.
SABELA PÉREZ MARTÍNEZ. Licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa. Profesora de Educación Secundaria.
RAFAEL RAMOS FERNÁNDEZ. Membro da Xunta Directiva da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá. Licenciado en Ciencias da Educación (Pedagoxía Socioeducativa). Mestre de Educación Primaria.

Este ano recibíronse un total 78 traballos, cuxa listaxe de títulos e procedencias se pode consultar en documento anexo.
Logo de facer lectura dos 78 traballos recibidos e conforme ás bases establecidas deste Certame, o Xurado acorda concede-los seguintes premios:

Na Categoría Infantil (dos 8 ós 14 anos), modalidade de RELATO:

-       2º PREMIO INFANTIL DE RELATO A PIPA 2015, para o texto titulado “INVISIBLE SEN SABELO. O Xurado destaca: A orixinalidade do tema  e a forma de tratalo. A invisibilidade dunha nena enmeigada. Narrado de xeito ameno e infundindo certa tensión no devir do relatado. A autora é MARÍA CALVAR GIRÁLDEZ, de Cerdedelo, Torroso. Mos (Pontevedra).
-       1º PREMIO INFANTIL DE RELATO A PIPA 2015, para o texto titulado “A PRIMEIRA MISA DE MANOLIÑO”. O Xurado destaca:  Relato cómico. Ben artellado e secuenciado. Breve e ben estruturado. O autor é CARLOS COMUÑAS LÓPEZ, de Cervantes (Lugo).

Na Categoría Infantil (dos 8 ós 14 anos), modalidade de POESÍA:

-       ACCÉSIT INFANTIL DE POESÍA A PIPA 2015, para o texto titulado “OS ANCARES”. O Xurado destaca: A preocupación pola terra , en concreto a comarca dos Ancares , e a súa despoboación. Chama a atención a mestura de humor e nostalxia cos que o autor reivindica a súa terra. Dende a ollada infantil técese un poema de amor á terra ancaresa, da realidade e da esperanza para o futuro. O autor é HIGINIO RODRÍGUEZ CEDRÓN, de Cervantes (Lugo).
-       2º PREMIO INFANTIL DE POESÍA A PIPA 2015, para o texto titulado “CHEGOU A BELEZA”. O Xurado destaca: A incursión dun retrouso musical dálle movemento e lembra a cantiga tradicional. A súa estrutura de panxoliña é moi acertada para o tipo de composición da que se trata. O Apalpador chega co inverno, a neve e o colorido do nadal. A autora é  NURIA DEVESA NÚÑEZ, de Lugo.
-       1º PREMIO INFANTIL DE POESÍA A PIPA 2015, para o texto titulado “O INVERNO”. O Xurado destaca: A brevidade e a acertada selección de cousas cotiás a facer no inverno. No poema apréciase unha estrutura depurada, con frases curtas, empregadas a modo de lóstregos semánticos. En tres estrofas fai unha moi atinada escolma do sentir que provoca a chegada do inverno, e de cómo se identifica dende sempre. A autora é MIRIAM TRABADO NÚÑEZ, de Vilapún, Cervantes (Lugo).

Na Categoría Xuvenil (dos 14 ós 18 anos), modalidade de RELATO, o Xurado acorda deixar desertos os premios.

Na Categoría Xuvenil (dos 14 ós 18 anos), modalidade de POESÍA, o Xurado acorda deixar desertos os premios.

Na Categoría Revista A PIPA para Maiores de 18 anos, modalidade de RELATO:

-       ACCÉSIT Revista A Pipa de Relato 2015 para o texto titulado “O PAPORRUBIO DE NADAL”. O Xurado destaca: Unha historia moi ben contada desde a perspectiva dunha nena. A autora é LAURA PARDEIRO ÁLVAREZ, de As Nogais (Lugo).
-       2º PREMIO Revista A PIPA 2015 DE RELATO, para o texto titulado: “O POMBAL DE MUIÑOS”. O Xurado destaca: A fábula como alegato de paz e esperanza para os pobos, cunha descrición moi detallista. Unha parábola magnificamente escrita na que os animais analizan e viven as experiencias humanas. É un canto á loita e unha reivindicación contra a escravitude e o asoballamento. Unha chamada á necesidade de se erguer e loitar. O autor é XULIO ROMERO SUÁREZ, de Arteixo (A Coruña).
-       1º PREMIO Revista A PIPA 2015 DE RELATO, para o texto titulado: “DON CECILIO E DONA PLÁCIDA”. O Xurado destaca: Relato ben estruturado  baseado nun tema tradicional como é a emigración, o retorno á aldea, o amor incondicional. Unha historia chea de tenrura magnificamente contada, que engancha desde o primeiro momento. Cecilio e Plácida é unha historia de amor ambientada en Doncos, que reflicte toda unha época: a emigración, a volta ao fogar, a visión antropolóxica…. Moi ben estruturado. Semella unha historia real. O autor é GONZALO LOIZAGA LATORRE, de Doncos. As Nogais (Lugo).

Na Categoría Revista A PIPA para Maiores de 18 anos, modalidade de POESÍA:

-       ACCÉSIT Revista A Pipa de Poesía 2015 para o texto titulado “TATUAXE NA FERIDA”. O Xurado destaca: A forza poética do poema, que converte cada verso nun berro de desesperación. O autor é JOSÉ RAMÓN SÁNCHEZ VARELA, de Carballo (A Coruña).
-       2º PREMIO Revista A PIPA 2015 DE POESÍA, para o texto titulado “AXUSTE DE CONTAS”. O Xurado destaca: As imaxes acertadas para plasmar o paso do tempo e a perda da infancia. O xeito en que o autor, cunha linguaxe extremadamente poética e chea de imaxes, trata o tema da nostalxia e do pasado. O autor é RAMÓN SANDOVAL, de Sober (Lugo).
-       1º PREMIO Revista A PIPA 2015 DE POESÍA, para o texto titulado “AUSENTE”. O Xurado destaca: Reflecte moi intensamente a sensación de baleiro interior por mor da ausencia dun ser querido. A perfecta mestura entre estrutura e temática, que lle confire ao poema elegancia e solemnidade. O autor é ABEL TOMÉ PIÑEIRO, de Cando. Outes (A Coruña).

Na modalidade de DRAMATURXIA BREVE.

-       ACCÉSIT A PIPA 2015 DE DRAMATURXIA BREVE, para a peza titulada “MALEVICH”. O Xurado destaca: A súa estrutura de espazos e tempos paralelos e, por veces, simultáneos. Provén seguramente do guión dalgunha curtametraxe da autora. Máis que a tridimensionalide e a presencialidade escénicas, o texto pide unha materialización cinematográfica. Sexa como for, a convocatoria é de dramaturxia e, xa que logo, non pode excluír o guión audiovisual. Tamén é certo que poderíamos incluilo como unha proposta teatral non convencional -unha especie de drama onírico strindbergiano. Constrúe un xogo de temporalidade salientable. A autora é LOURDES LEIRIZ BRANCO, de Compostela (A Coruña).
-       2º PREMIO A PIPA 2015 DE DRAMATURXIA BREVE, para a peza titulada “FÍOS”. O Xurado destaca: Crea unha palabra potente dramaticamente e propón unha estrutura de xogo escénico aberta. Malia todo, tece tamén un fío narrativo suxerente. A voz máis potente de entre todos os textos recibidos. O autor é ERNESTO SUÁREZ IS de Xixón (Asturies).
-       1º PREMIO A PIPA 2015 DE DRAMATURXIA BREVE, para a peza titulada “UNHA PALABRA PERDIDA”. O Xurado destaca: O punto de partida da peza denota un amor ás palabras e unha loita ecoloxista por non perder a fala da terra. Sinxelo e nada pretencioso, acada o seu obxectivo na voz dese adolescente que ama o seu ecosistema disposto a construír o mundo a partir do seu mundo.  O autor é JONATÁN CABALEIRO, de Ponferrada (León).

O Xurado acorda que os galardóns deberán ser recollidos durante o acto de entrega que máis abaixo se sinala, ou nun prazo máximo que conclúe na data de presentación dos traballos da edición seguinte deste Certame. De non ser así o agasallo outorgado á persoa premiada pasaría a formar parte dos fondos da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá.

Esta 24 Edición do Certame Literario A Pipa 2015 da Alta Montaña Luguesa, conta coa colaboración da Xefatura Provincial de Cultura da Xunta de Galicia, da Área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo e do Concello de Becerreá.

O Acto de Entrega de Premios celebrarase dentro das actividades enmarcadas na 24 NOITE POÉTICA A PIPA 2015 CON MARÍA REIMÓNDEZ, o domingo 27 de decembro de 2015, ás 19 h., na Casa da Cultura de Becerreá (Lugo).


Asdo. Afonso Becerra Arrojo.
Presidente da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá, co visto e prace de Rafael Ramos Fernández, Presidente do Xurado do XXIV CERTAME LITERARIO A PIPA 2015 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
En Becerreá, a 23 de decembro de 2015.





Nenhum comentário:

Postar um comentário