sexta-feira, 15 de maio de 2009

17 de MAIO: Día das Letras Galegas
A nosa Asociación Cultural A Pipa de Becerreá quere homenaxear ao intelectual galeguista Ramón Piñeiro, nacido en Láncara, e que ten parte da súa familia en Becerreá. Aos Piñeiro de Becerreá lembrámolos pola empresa de autobuses nos que algunhas e algúns de nós viaxamos. A Ramón Piñeiro lembrámolo polas súas verbas. A continuación reproducimos un fragmento:
"AUTOCONCIENCIA", por RAMÓN PIÑEIRO (1962)
O esforzo das derradeiras xeracións galegas tiña un obxetivo fundamental: recoller a nosa espiritoalidade, esmigallada durante varios séculos de inercia cultural, e darlle cohesión interna, conciencia de si e pulo creador. Só así se podía reconstruír a persoalidade de Galicia como pobo. Era unha empresa esforzada e urxente, porque a nosa conciencia colectiva tiña chegado aos lindeiros da atonía letal, estaba a piques de se deixar caer na escura sima da vida intrahistórica.
Temos que reconocer que, no seu núcleo esencial, este obxetivo ideal foi cobrando realidade crecente. Galicia ten hoxe conciencia do seu propio ser e dos direitos que lle son naturalmente inherentes. A fe das abnegadas minorías que souperon emprender o camiño do rexurdimento chegou a quebrar a códea da inmobilidade, da resignación, da pasividade fatalista e, sobre o corpo esmacelado da vella Galicia, foise configurando pouco a pouco a imaxen dunha Galicia nova. Hoxe sabemos cales foron os males que lle esmigallaron o espírito e cales son os remedios para lle desentangarañar o corpo.
Este primeiro paso cara a autoconciencia, cara o autoconocemento, era fundamental e decisivo. Sin esa conciencia do propio ser, sin ese sentimento colectivo da propia persoalidade e dos seus dereitos naturais, Galicia subsistiría como país mais deixaría de existir como pobo. Comezouse, é certo, por percurar esa persoalidade no pasdo histórico. Era o tributo aobrigado ao ambiente romántico inicial. Desde entón andivemos moito camiño. Hoxe non percuramos no pasdo histórico a fisonomía da nosa persoalidade colectiva. Percurámola direitamente nas súas manifestacións vivas e actuais. De aquel ollecer alimentado nos lagos encantados da evocación histórica pasamos a desenvolver unha creación cultural autóctona afincada nas grandes inquedanzas e nos horizontes do noso tempo.
Nese plano de creación cultural, a presencia de Galicia vaise afirmando de maneira cada vez máis decidida. Galicia manifesta así a realidade orixinal do seu ser xenuíno e a vontade de o desenvolver plenamente. Todo pobo leva en si unha orixinal posibilidade cultural. E todo pobo que desenvolve esa posibilidade ten, mesmo por eso, un posto activo na historia. Está xa camiñando na dirección renovadora.
Ben sabemos que non abonda con eso para desentangarañar o noso corpo social, que é, naturalmente, a máis punxente das nosas arelas. Para acadarémolo será precisa unha teimosa e intensa acción reformadora e anovadora que modifique a estruturación administrativa, económica e cultural do noso país. Pro non se chegará de veras a esta etapa sin antes desenvolver plenamente a anterior. Na mesma medida en que arraíce e se estenda a nosa vida cultural, estenderase e arraizará a nosa conciencia colectiva de pobo con persoalidade de seu e con vontade de a desenvolver.
Nesta conciencia fonda e rexa do propio ser é onde radica verdadeiramente o destino histórico do pobo galego. Sin eso valerían de ben pouco tódalas estruturas institucionais que se lle poidesen ofrecer como solución aos seus problemas.
1962
(en Olladas no futuro, Galaxia, 1974, pp. 166-167)

Nenhum comentário:

Postar um comentário