domingo, 3 de janeiro de 2010
XVIII NOITE POÉTICA A PIPA 09 CON YOLANDA CASTAÑO
Marcadores:
XVIII Noite Poética 09 Yolanda Castaño.
XVIII NOITE POÉTICA A PIPA 09 CON YOLANDA CASTAÑO
Marcadores:
XVIII Noite Poética 09 Yolanda Castaño.
Premios Categoría Revista A PIPA para maiores de 18 anos. XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
1º PREMIO Revista “A PIPA” 09 DE POESÍA, para o texto titulado “Axóuxeres de salitre”, escrito por Rocío Leira Castro, de Pereira, Cée, A Coruña. (Foto: Xesús Búa. Fonte: La Voz de Galicia.)De esquerda a dereita: Claudio Vázquez (Concelleiro de Cultura de Becerreá), Antón Bao (Vicepresidente da Deputación de Lugo), Yolanda Castaño (escritora), Amparo Becerra (Xunta Directiva A.C. A Pipa), Rafa Ramos (Xunta Directiva A.C. A Pipa) e Alicia Chao (Presidenta do Xurado do XVIII Certame Literario A Pipa 09 da Alta Montaña Luguesa).
Premios POESÍA Categoría Infantil (dos 8 aos 14 anos) XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
Premios RELATO Categoría Infantil (dos 8 aos 14 anos) XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
Accésits POESÍA Categoría Infantil (dos 8 aos 14 anos) XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
Accésits RELATO Categoría Infantil (dos 8 aos 14 anos) XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
terça-feira, 15 de dezembro de 2009
27 de decembro de 2009 ás 19 h. na Casa da Cultura de Becerreá

Domingo, 27 de decembro ás 19 h. na Casa da Cultura de Becerreá:
Entrega de Premios do XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA. Presenta: Amparo Becerra e Rafa Ramos. Fan a entrega dos galardóns os representantes das institucións colaboradoras (Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Concello de Becerreá)
Conversa coa escritora YOLANDA CASTAÑO, protagonista da XVIII NOITE POÉTICA A PIPA 09. Entrevista a cargo de Marta de Sinllán e Afonso Becerra de Becerreá.
Proxección de dúas pezas de VIDEOCREACIÓN de Yolanda Castaño.
Recital de textos na voz da autora.
Brinde e cóctel.
Esperámosvos!
(Entrada de balde)
quarta-feira, 25 de novembro de 2009
XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA

XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
CONVOCÁMOSVOS a participar con POEMAS (máximo 50 versos) e/ou RELATOS (máximo 5 folios por unha soa cara a dobre espazo).
A data límite de presentación remata o martes 22 de decembro de 2009.
Os escritos debedes envialos anónimos, sinalando a CATEGORÍA na que participades (INFANTIL: de 8 a 14 anos. XUVENIL: DE 14 A 18 anos. ADULTO: máis de 18 anos) e a MODALIDADE (POESÍA e/ou RELATO), acompañados dun sobre pechado dentro do cal vaian os datos da/o autor/a (nome e apelidos, currículum, enderezo e teléfono).
Isto debedes envialo ou entregalo en:
XVIII CERTAME LITERARIO A PIPA 09 DA ALTA MONTAÑA LUGUESA
Rúa Ancares, 57.
27640 BECERREÁ (LUGO)
(Podedes consultar as bases xerais neste mesmo blog ou a través da nosa web: www.apipadebecerrea.com)
sexta-feira, 17 de julho de 2009
sábado, 30 de maio de 2009
MEMORIA, INFANCIA E TERRA. Por Afonso Becerra de Becerreá
"MEMORIA, INFANCIA E TERRA"
Por Afonso Becerra de Becerreá
Do libro HOMENAXE A NEIRA VILAS E A BALBINO O NENO LABREGO (Edicións Ismael González P.C., S.L. - ISBN: 978-84-612-9058-1)
A memoria somos nós, cadaquén coa súa propia e coa colectiva como suma e síntese. Sen memoria non hai identidade. Igual que sen raíces non hai árbore, sen infancia non hai persoa. O locus amoenus do verso de Rilke volve sempre: a patria do ser humano é a infancia!
Balbino, o neno de Neira Vilas, e María, a nena de Xohana Torres, son dous expoñentes do ser humano en potencia, da descuberta do mundo… da ilusión dos soños, e da aprendizaxe que se abre tralas primeiras feridas. O que nos queda de nenos ós adultos está en Balbino e en María, como arquetipos galegos e universais da nenez e da viaxe fóra dela.
Crecer é facerse preguntas a cotío, observalo todo, esculcar cada recuncho ata atoparlle a alma (a razón) as cousas. Aburar a curiosidade encirrada polos desacougos da vida. Recoñecer o dinamismo perpetuo da verdade. “Nós vimos ó mundo cunha alforxa de perguntas. As cousas éntrannos polos ollos, pola boca, polas orellas, e queremos adeprender o seu nome e siñificado”, anota Balbino no seu caderno. “Todos os días estase a refacer a verdade. Fai unha chea de tempo que non oio falar seriamente do “Ángel de la Guarda”, nin dos Reis Magos. E quen sabe cantas cousas máis que hoxe teño por certas irán cambeando en min. Voume alonxando do berce, coma quen dis”.
A mirada nova e limpa que se sorprende co que acontece ó seu redor, e o exercicio da escrita que a estrutura, fan do neno un pensador. A reflexión vólveo crítico e sabio, pero sobre todo humilde, porque é un neno con conciencia de clase, é un labrego, “un ninguén”. “- Balbino [díxolle Eladia, a mestra], ti eres o máis adiantado. Non collas fachenda por eso, pois todos iñoramos máis do que sabemos”. Pero ese neno labrego é “un ninguén” revolucionario, porque pensa, porque analiza a realidade e é capaz de proxectarse na loita humilde do cotiá. A pedrada ó señorito Manolito e o abandono do fogar submiso son índice dun novo camiño e do afastamento, alomenos mental, da clase escrava e resignada que está na base da sociedade galega.
Este neno é moi especial, cavila sobre todo o que acontece ó seu redor e sobre o que lle acontece a el mesmo. O pensamento deita unha distancia a respecto da vida, facéndolle crecer e profundar nos infindos misterios que agocha cada cousa. Neste senso, o neno pensador séntese un pouco só, illado do resto da xente, máis preocupada pola simple supervivencia. “Se poidese entender moitas cousas! Ou falar tansiquera delas; contarlle ós demáis as miñas cavilacións. Pero xa o teño feito e rínseme. E a min doime. Doime que a xente ande polo mundo como andan as vacas e os burros: percurando somentes pesebre”. Tamén engade, na mesma dirección: “Os que non pensan non merecen ser persoas” e “A xente que non fai traballar o miolo deberíase anagar e ir polo monte enriba de catro patas.”
O mesmo exercicio constante da reflexión e da análise da realidade non invalida o da fantasía. Así fronte ó descrédito dos ditados da Igrexa, que coutan a liberdade das persoas sementando temores e fomentando a ignorancia, o neno profesa a relixión animista – panteísta de espírito lúdico, as fogueiras do Solsticio de Verán (cristianizado de San Xoán), as meigas, a herba de namorar, a linguaxe dos animais, a aceptación do corpo e as emocións... nun vitalismo materialista moi galaico que choca con certa hipocrisía. “A xente por dentro debe andar triste ou leda por outras cousas, pero non cando llo manda o almanaque. A troula da mascarada, igoal que a tristura obrigada da coresma, son pra vestir por fóra, penso eu.”
A espontaneidade e a sinceridade desde o coñecemento e a reflexión son un exercicio ético de coherencia e valentía, fronte a regulamentos sociais baseados na falsidade. Mentres que a espontaneidade naif e irreflexiva é un exercicio frívolo baseado en que a ignorancia é moi atrevida, con máis probabilidades de errar que de acertar. O neno labrego de Neira Vilas é un neno que quere saber, un neno capaz de estar por riba das continxencias comúns á vez que se implica nelas. Un neno que coñece o esforzo e a loita. Que asiste á xénese e á morte, de cara, sen eufemismos nin proteccións esterilizadoras. Un neno que se contamina, que funde as mans na terra e aprende dela.
Neste libro conxúgase a máxima sinxeleza, alomenos en aparencia, coa máxima profundidade naquilo que vén sendo a cerna do humano, xunto coa capacidade abraiante de emocionarnos. Arreguízanos o tránsito imparable da idade, que nos leva. Arreguízanos a necesidade imperiosa de saber o que non se pode, ou de saírmos da burbulla do “eu” e rompermos a pel para comungar co “nós”. E o arreguizo está na memoria, e ela feita del.
Entre Balbino e o lector, malia a distancia e as enormes diferenzas que poida haber, prodúcese un entendemento alén das palabras. Quizais porque nas memorias de moitos de nós, incluídas as últimas xeracións ás que pertence quen asina estas liñas, aínda fica o neno labrego, con todo o que iso implica.
Afonso Becerra de Becerreá
Vilar de Ousón, 23 de marzo de 2008.
Vilar de Ousón, 23 de marzo de 2008.
Marcadores:
infancia e terra. Por Afonso Becerra.,
Memoria
HOMENAXE A BALBINO, O NENO LABREGO
HOMENAXE A BALBINO, O NENO LABREGO DE NEIRA VILAS
No Verbum (Casa das Palabras) de Vigo
Hoxe, 30 de maio celebrouse unha homenaxe a Balbino, o xa mítico protagonista da novela MEMORIAS DUN NENO LABREGO, de Xosé Neira Vilas. O acto foi organizado polo produtor cinematográfico e filántropo galego ISMAEL GONZÁLEZ, coa complicidade e colaboración do filósofo AVELINO MULEIRO.
Ao VERBUM (Museo das Palabras de Vigo) acudiron XOSÉ NEIRA VILAS e ANISIA MIRANDA. Alí puidemos escoitar os relatorios de Avelino Muleiro, do catedrádito de Filosfía Ramón Regueira, do escritor e membro da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero e, finalmente, as palabras de agradecemento de Neira Vilas. Entre tanto escoitamos ao grupo A QUENLLA, e vimos un documental sobre MEMORIAS DUN NENO LABREGO dirixido por Xan Leira e Ismael González.
Entre as/os asistentes atopábanse, a nosa amiga, a poeta, María do Carme Krukenberg, o presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa Antelo, a escritora e directora de cine Margarida Ledo Andión...
Con motivo desta festa, Ismael González editou un libro titulado HOMENAXE A NEIRA VILAS E A BALBINO O NENO LABREGO, no que colaboraron 53 escritoras/es. No índice do mesmo figuran dous becerrenses: HELENA VILLAR JANEIRO e AFONSO BECERRA DE BECERREÁ.
A PIPA súmase á homenaxe a BALBINO e ao seu autor Xosé Neira Vilas, quen protagonizara, xunto á súa muller Anisia, a XIV NOITE POÉTICA A PIPA 2006, e da que gardamos un ledo recordo.
sexta-feira, 15 de maio de 2009
17 de MAIO: Día das Letras Galegas
A nosa Asociación Cultural A Pipa de Becerreá quere homenaxear ao intelectual galeguista Ramón Piñeiro, nacido en Láncara, e que ten parte da súa familia en Becerreá. Aos Piñeiro de Becerreá lembrámolos pola empresa de autobuses nos que algunhas e algúns de nós viaxamos. A Ramón Piñeiro lembrámolo polas súas verbas. A continuación reproducimos un fragmento:
"AUTOCONCIENCIA", por RAMÓN PIÑEIRO (1962)
O esforzo das derradeiras xeracións galegas tiña un obxetivo fundamental: recoller a nosa espiritoalidade, esmigallada durante varios séculos de inercia cultural, e darlle cohesión interna, conciencia de si e pulo creador. Só así se podía reconstruír a persoalidade de Galicia como pobo. Era unha empresa esforzada e urxente, porque a nosa conciencia colectiva tiña chegado aos lindeiros da atonía letal, estaba a piques de se deixar caer na escura sima da vida intrahistórica.
Temos que reconocer que, no seu núcleo esencial, este obxetivo ideal foi cobrando realidade crecente. Galicia ten hoxe conciencia do seu propio ser e dos direitos que lle son naturalmente inherentes. A fe das abnegadas minorías que souperon emprender o camiño do rexurdimento chegou a quebrar a códea da inmobilidade, da resignación, da pasividade fatalista e, sobre o corpo esmacelado da vella Galicia, foise configurando pouco a pouco a imaxen dunha Galicia nova. Hoxe sabemos cales foron os males que lle esmigallaron o espírito e cales son os remedios para lle desentangarañar o corpo.
Este primeiro paso cara a autoconciencia, cara o autoconocemento, era fundamental e decisivo. Sin esa conciencia do propio ser, sin ese sentimento colectivo da propia persoalidade e dos seus dereitos naturais, Galicia subsistiría como país mais deixaría de existir como pobo. Comezouse, é certo, por percurar esa persoalidade no pasdo histórico. Era o tributo aobrigado ao ambiente romántico inicial. Desde entón andivemos moito camiño. Hoxe non percuramos no pasdo histórico a fisonomía da nosa persoalidade colectiva. Percurámola direitamente nas súas manifestacións vivas e actuais. De aquel ollecer alimentado nos lagos encantados da evocación histórica pasamos a desenvolver unha creación cultural autóctona afincada nas grandes inquedanzas e nos horizontes do noso tempo.
Nese plano de creación cultural, a presencia de Galicia vaise afirmando de maneira cada vez máis decidida. Galicia manifesta así a realidade orixinal do seu ser xenuíno e a vontade de o desenvolver plenamente. Todo pobo leva en si unha orixinal posibilidade cultural. E todo pobo que desenvolve esa posibilidade ten, mesmo por eso, un posto activo na historia. Está xa camiñando na dirección renovadora.
Ben sabemos que non abonda con eso para desentangarañar o noso corpo social, que é, naturalmente, a máis punxente das nosas arelas. Para acadarémolo será precisa unha teimosa e intensa acción reformadora e anovadora que modifique a estruturación administrativa, económica e cultural do noso país. Pro non se chegará de veras a esta etapa sin antes desenvolver plenamente a anterior. Na mesma medida en que arraíce e se estenda a nosa vida cultural, estenderase e arraizará a nosa conciencia colectiva de pobo con persoalidade de seu e con vontade de a desenvolver.
Nesta conciencia fonda e rexa do propio ser é onde radica verdadeiramente o destino histórico do pobo galego. Sin eso valerían de ben pouco tódalas estruturas institucionais que se lle poidesen ofrecer como solución aos seus problemas.
1962
(en Olladas no futuro, Galaxia, 1974, pp. 166-167)
Marcadores:
Ramón Piñeiro. 17 de Maio 2009. Letras Galegas.
domingo, 12 de abril de 2009
quarta-feira, 1 de abril de 2009
segunda-feira, 30 de março de 2009
27 de marzo DÍA MUNDIAL DO TEATRO

Mensaxe Internacional do Día Mundial do Teatro.
De AUGUSTO BOAL.
Todas as sociedades humanas son espectaculares na súa vida cotiá, e producen espectáculos en momentos especiais. Son espectaculares como forma de organización social, e producen espectáculos como este que vostedes viñeron ver.Malia que inconscientemente, as relacións humanas estrutúranse de forma teatral: o uso do espazo, a linguaxe do corpo, a elección das palabras e a modulación das voces, a confrontación de ideas e paixóns, todo o que facemos no escenario facémolo sempre nas nosas vidas: nós somos teatro! Non só as vodas e os funerais son espectáculos, senón tamén os rituais cotiáns que, pola súa familiaridade, non nos chegan á consciencia. Non só pompas, senón tamén o café da mañá e os bos días, os tímidos namoramentos, os grandes conflitos pasionais, unha sesión do Senado ou unha reunión diplomática; todo é teatro. Unha das principais funcións da nosa arte é facer conscientes eses espectáculos da vida diaria onde os actores son os propios espectadores e o escenario é a platea e a platea, escenario. Somos todos artistas: facendo teatro, aprendemos a ver aquilo que resalta aos ollos, pero que somos incapaces de ver ao estarmos tan habituados a miralo. O que nos é familiar convértese en invisible: facer teatro, pola contra, ilumina o escenario da nosa vida cotiá.En setembro do ano pasado fomos sorprendidos por unha revelación teatral: nós pensabamos que viviamos nun mundo seguro, a pesar das guerras, xenocidios, hecatombes e torturas que estaban acaecendo, si, pero lonxe de nós, en países distantes e salvaxes. Nós, que viviamos seguros co noso diñeiro gardado nun banco respectable ou nas mans dun honesto corredor de Bolsa, fomos informados de que ese diñeiro non existía, era virtual, fea ficción dalgúns economistas que non eran ficción, nin eran seguros, nin respectables. Non pasaba de ser mal teatro con triste enredo, onde poucos gañaban moito e moitos perdían todo. Políticos dos países ricos encerrábanse en reunións secretas e de aí saían con solucións máxicas. Nós, as vítimas das súas decisións, continuabamos de espectadores sentados na última fila das bancadas.Vinte anos atrás, eu dirixín Fedra de Racine, en Rio de Janeiro. O escenario era pobre: no chan, peles de vaca; arredor, bambús. Antes de comezar o espectáculo, dicíalles aos meus actores: “Agora acaba a ficción que facemos no día a día. Cando crucemos eses bambús, alá no escenario, ningún de vós ten dereito a mentir. O Teatro é a Verdade Escondida”.Vendo o mundo, ademais das aparencias, vemos opresores e oprimidos en todas as sociedades, etnias, xéneros, clases e castes, vemos o mundo inxusto e cruel. Temos a obriga de inventar outro mundo porque sabemos que outro mundo é posible. Pero atínxenos a nós construílo coas nosas mans entrando en escena, no escenario e na vida.Asistan ao espectáculo que vai comezar; despois, nas súas casas cos seus amigos, fagan as súa obras vostedes mesmos e vexan o que xamais puideron ver: aquilo que salta aos nosos ollos. O teatro non pode ser soamente un evento, é forma de vida!Actores somos todos nós, e cidadán non é aquel que vive en sociedade: é aquel que a transforma!
segunda-feira, 16 de fevereiro de 2009
Enviádenos fotos do Antroido de Becerreá 2009
A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá invítavos a publicar na súa web e no seu blog as fotos do Antroido de Becerreá.
Consideramos as festas do Antroido como unha manifestación da nosa cultura máis popular, por iso vos animamos a xogar á transgresión e ao disfrace.
Enviádenos as vosas fotos, poñéndelles o texto descritivo que xulguedes conveniente e nós publicarémolas na web. Para que o Antroido de Becerreá atope o seu espazo na rede.
Agardamos as vosas fotos en:
apipadebecerrea@gmail.com
Consideramos as festas do Antroido como unha manifestación da nosa cultura máis popular, por iso vos animamos a xogar á transgresión e ao disfrace.
Enviádenos as vosas fotos, poñéndelles o texto descritivo que xulguedes conveniente e nós publicarémolas na web. Para que o Antroido de Becerreá atope o seu espazo na rede.
Agardamos as vosas fotos en:
apipadebecerrea@gmail.com
Aniversario de María Xosé Queizán. Amiga da nosa Asociación Cultural
A principios de febreiro celebramos o cumpreanos de María Xosé Queizán, escritora imprescindible das nosas letras e amiga da Asociación Cultural A Pipa, coa que colaborou en diferentes ocasións desde o ano 1998. Protagonizou dúas Noites Poéticas, o 28 de decembro de 1998 e o 27 de decembro de 2008, e tamén colaborou na Noite Poética con Cristal Méndez, o 28 de decembro de 2003. Ademais interveu na Homenaxe ao poeta Manuel María que celebramos o 2 de xaneiro de 2005.
segunda-feira, 19 de janeiro de 2009
Aniversario do nacemento de Uxío Novoneyra. (19 de xaneiro de 1930)
Assinar:
Postagens (Atom)







